Biografía Ricardo Carvalho Calero

 

Carvalho Calero, catedrático de Lingüística e Literatura Galega, licenciado en Dereito e Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela, doutor en Letras pola Universidade Central de Madrid, ademais de escritor e poeta, foi unha das figuras máis relevantes da cultura galega da segunda metade do século XX. Ao longo da súa vida exerceu como secretario do Seminario de Estudos Galegos, membro da Real Academia Galega, e director do Colexio Fingoi (entre os anos 1950 e 1965) 

 

Ricardo Carvalho Calero naceu o ano 1910 en Ferrol e morreu en Santiago de Compostela en 1990. En Compostela durante a época de estudante entrou en contacto co galeguismo e co Seminario de Estudos Galegos. Integrado no movemento nacionalista e tomando parte no activismo estudiantil comezou a publicar na década de 1930.

A guerra sorprendeuno en Madrid e Carvalho posicionouse no bando constitucional, entrando en combate como miliciano. Unha vez terminada a guerra, foi condenado e recluído no cárcere por terse mantido no bando constitucional. En 1941 o escritor regresou á súa cidade imposibilitado para exercer a función pública. Entre 1950 e 1965  exerceu como profesor e director no Colexio Fingoi de Lugo escollido por D. Antonio Fernández para poñer en marcha un colexio que se abría a unha renovación pedagóxica vangardista. Paralelamente ao seu labor docente, desenvolveu nestes anos un importantísimo traballo investigador -iniciado coa súa tese de doutoramento, "Aportaciones a la literatura gallega contemporánea"- que tivo como froito máis valioso a publicación en 1963 da Historia da literatura galega contemporánea.

Da súa etapa no Colexio Fingoi son obras como:

Poesía: Anxo da terra (1950), Poemas pendurados dun cabelo (1952), Salterio de Fingoi (1961)
Teatro: A Farsa das zocas (estreada no Colexio Fingoi), O redondel.
Narrativa: A xente da Barreira (1951) e a coordinación da recompilacion Contos populares da Provincia de Lugo.
Ensaio: Sete poetas galegos (1955). Contribución ao estudo das fontes literarias de Rosalía (1959), Versos iñorados e ou esquecidos de Eduardo Pondal (1961).

A súa obra ensaística e creativa é amplísima e fundamental para a literatura galega do século XX.

Colexio Fingoi, Aviación Española nº 37, 27002 Lugo  - secretaria@fingoi.com

Tel: 982 221 630 - 982 284 094

(9:00 a 16:00 h)