Remata o ano das Letras Galegas Carvalho Calero… moitos foron os actos que o lembraron, que o estudaron e o recoñeceron e moitos foron tamén os actos dedicados a el que tiveron que ser atrasados ou cancelados neste 2020 tan estraño.
Precisamente o pasado 27 de decembro foi clausurada en Mondoñedo a exposición Carvalho Calero en Lugo: Don Ricardo de Fingoi. O acto contou coa asistencia de autoridades autonómicas e municipais e cos netos de Don Ricardo: Faustino e Margarita.
Asistentes á clausura da exposición Don Ricardo de Fingoi: Javier Arias (Delegado territorial da Xunta en Lugo), Xulio Xiz (representante do Colectivo Egeria), Elena Candia (diputada autonómica), Manuel Otero (alcalde de Mondoñedo), Faustino e Margarita Cela Carballo-Calero (netos de Don Ricardo), Bernardo Penabade (escritor e amigo da familia) e José Luis Fernández Ansedes (Presidente Asociación do Camiño Norte).
Foi grazas a esa exposición, froito da labor do colectivo Egeria e nomeadamente ao inmenso traballo de Xulio Xiz, que Carvalho voltou ao Colexio Fingoi. Veu da man de alumnas e alumnos das primeiras promocións que se reuniron convocados pola figura do seu mestre. Serviu de enlace entre eses primeiros alumnos que volveron rir e parolar nos corredores e na biblioteca do centro. Reencontro e homenaxe déronse a man e gañaron o tempo para confirmar a enorme capacidade de traballo da admirada Araceli Herrero.
Xulio Xiz, escritor e representante do Colectivo Egeria.
Queremos agradecer a Xulio o seu traballo de divulgación da obra e da personalidade do primeiro director do Colexio Fingoi. Setenta anos despois seguimos mantendo os principios fundacionais que son os nosos sinais identitarios.
Colexio Fingoi nos anos 60.
No ano 2021 seguiremos traballando a figura poliédrica de Carvalho Calero porque quedaron proxectos sen rematar: teatro, presentacións de libros, lecturas,… e tamén homenaxearemos a Xela Arias porque parte de nós está no que lemos e nas palabras que nos nomean.
Ilustración: Xela Arias. Fonte: Wikipedia