E. Primaria celebra o Magosto

 

O outono trae os seus cambios e os seus rituais: Viran as cores cara os laranxas e os marróns en diferentes intensidades, cambia a hora, e mudan os olores da natureza. Séntese o inverno mesmo no vento. Chega o Samaín e a celebración das colleitas, da fin da época de luz e da chegada da escuridade. E chega tamén o magosto.

Quen non ten agarrado nas mans un cucurucho de castañas asadas, quentiñas, con anceios de neno ou con pracer e melancolía de maior?

Diferenciaba o antropólogo Antón Fraguas entre o Magosto a secas que non era máis que asar unhas castañas e a Festa do Magosto, que é moito máis que iso: unha festa de colleitas, de lume, castañas e viño novo. Festa de xuntarse, de xuventude, de vida e de morte (por iso se celebra fundamentalmente entre o día de Santos e o de San Martiño), de tisnar a traizón ao de enfronte... Murguia consideraba o magosto un banquete funerario no que a castaña simbolizaría a morte e o viño a vida.

Comida e baile inseparables nos magostos unen o riso e a música da festa.

O 19 de novembro de 2021  fixemos a nosa Festa do Magosto no bosque na que participou Educación Primaria.

 

 

Entre as 10:00 e as 11:00 tivemos a nosa Foliada de Outono que abriu e pechou o Grupo tradicional de 6º EP co Pasodobre do Carballal e a Xota de Visantoña. Bailáronse as pezas Zumba olé (1º EP), O Pericón - A polka do Magosto- (2º EP), O pingacho (3º EP). E cantaron: Castañi (6º EP), Cando chegare outono (4º e 5º), Zumba olé (1º e 3º EP). Todos xuntos bailaron e cantaron o baile participativo O Baiao.

Logo chegou o tempo de repoñer forzas e comer as castañas, facer os bullós que quentaban as mans e poñer o ramo á festa.

 

Grazas ás profesoras/es que organizaron e guiaron este magosto!

E á colaboración dos profesores do Centro de Música Fingoi: Pepe Vaamonde, Manuel Varela, Adrián Balboa e a Xabier Iglesias!

 

 Carteis realizados polo alumnado de 6º EP:

 

Colexio Fingoi, Aviación Española nº 37, 27002 Lugo  - secretaria@fingoi.com

Tel: 982 221 630 - 982 284 094

(9:00 a 16:00 h)