O venres 13 de maio tivo lugar o acto de Fin de Estudos dos alumnos e alumnas de 2º de BAC do Colexio Fingoi.
Por fin, despois destes dous anos de pandemia, puidemos realizar a celebración da 67ª Promoción de Bacharelato do Colexio Fingoi coa presenza de toda a comunidade educativa: alumnos, nais, pais, profesoras e profesores do centro, persoal non docente e a directora do noso colexio, Siña Fernández Puentes.
Contamos coa actuación do coro de profesores, intervencións dunha representación do profesorado, dos alumnos e alumnas e dos pais e nais.
O acto tivo lugar no Hotel Torre de Núñez e comezou ás 18:30 horas coa actuación do grupo de gaitas do colexio Fingoi, que na formación deste venres, estaba integrado por alumnos que se graduaban acompañados polo profesor Pepe Vaamonde.
Foi un acto moi emotivo, cheo de cariño e afecto que se manifestou nas palabras das persoas que interviñeron e, sobre todo na confraternización que se estableceu tralo acto, cando familias, alumnos e persoal do centro compartimos aperitivo, charla, anécdotas e risos.
Foi esta unha promoción moi solidaria e especialmente destacados polo seu sentido do grupo como motor de medre e de desenvolvemento, un curso moi vinculado coa defensa do medio coa integración. Agora aventúranse en novas experiencias académicas, formativas e no eido laboral e serán fundamentais no devir da nosa cidade e da nosa sociedade.
Agardamos que o futuro se abra ás nosas alumnas e alumnos con menos incertezas das que temos neste momento e lles depare éxitos en todo aquilo que emprendan. Elas e eles conformarán a nosa sociedade e, de seguro, lograrán mellorala.