Festa dos maios e Letras Galegas 2022

Este ano no noso colexio xuntamos a celebración dos maios coa das Letras Galegas. Foi a ocasión de celebrar á primavera e á poesía. Nesta ocasión o autor homenaxeado nas Letras Galegas 2022 é Florencio Delgado Gurriarán. Na súa poesía fai da natureza, da paisaxe e da música eixos temáticos fundamentais. Celebramos a natureza, a primavera e ao autor que tivo que exiliarse a México coas cores, as flores, a música e a poesía que el escribiu e quixemos xuntar a nosa primavera co gusto polas flores da cultura mexicana.

A actuación dos nenos e nenas da aula de 2 anos e de infantil colorearon o patio do noso colexio cos sorrisos que se pintaron nas nosas caras vendo como enchían o ceo de andoriñas.

As danzas de roda dos alumnos de 1º de EP acompañados polos músicos foron reflexo dunha danza que, tradicionalmente, se bailaba arredor dunha árbore máxica. A seguir 3º de EP bailaron a danza das fitas, celebrando os froitos que dá a terra e unha muiñeira achegounos á celebración.

Tivemos momento tamén para a reivindicación necesaria do coidado do planeta, para a lectura de poemas que fixeron  4º e 5º de EP e  para berrar aos ceos os versos que piden que acaben as guerras e os conflitos porque os tempos se volven grises e perden as cores. O alumnado de 2º de EP coa súa danza dos refuxiados levounos da man á esperanza. As xeracións que veñen buscan a unión e a solidariedade para lograr renacer en paz. Como a primavera renace tras o frío hemos conseguir o coidado da Terra, da cultura e do noso idioma e trasladar ese coidado a  outras culturas, espazos até facelo global.

Pechamos a nosa festa das Letras cos sons de Terra das Tanxugueiras. Unha homenaxe á terra, ás persoas que teñen que abandonar os seus países, como Gurriarán, ás linguas que nos unen e nos fan comprender mesmo a cara máis complicada do mundo...
Todas e todos bailamos  esta canción que nos fai sentir no corazón a realidade máis certa: Non hai fornteira!!!!

 

Colexio Fingoi, Aviación Española nº 37, 27002 Lugo  - secretaria@fingoi.com

Tel: 982 221 630 - 982 284 094

(9:00 a 16:00 h)