Xornada de convivencia con familias 2022

O pasado venres día 20 tivemos ocasión de celebrar unha xornada de convivencia coas familias dos nosos alumnos e alumnas. Renovar a presenza das familias no colexio supón unha volta ao deseño educativo que fai historia no noso colexio. Toda a comunidade educativa: familias, alumnado, persoal docente, de administración, comunicación e non docentes formamos o equipo que garante un modelo de educación que ten os alicerces nos inicios do colexio Fingoi e os seus postulados dende a súa fundación hai xa máis de 70 anos.

Esta xornada tiña unha finalidade solidaria e educativa. Nunha charla de Sandra Balaguer e Joaquín Muñoz coñecemos de primeira man a realidade da poboación civil de Ucraína. Como se pode axudar a través dunha ONG que traballa fundamentalmente con nenos e adolescentes e que conseguiu estar na primeira liña en momentos moi difíciles. Unha presentación coas imaxes de lugares ucraínos que eles se comprometeron a mostrarnos fermosas e cheas da beleza do tempo da paz. Foi, emocionalmente, moi intenso o visionado das fotografías e os comentarios ás mesmas que nos puxeron de fronte coa realidade da guerra instalada na vida da poboación civil  como un tsunami.

Por outra banda fíxose unha mostra dos proxectos traballados polo alumnado das diferentes etapas: novelas e relatos, exposición de maquetas sobre accidentes xeográficos, exposición de traballos de plástica, experimentos, taller de gravado, sementeira de xirasois…

Unha xornada na que compartir era a divisa, na que afortalar os vínculos foi unha ledicia e na que o compromiso e solidariedade uníronnos, neste caso con Ucraína. Unha tarde na que a música, os bailes dos alumnos e alumnas de infantil e primaria puxeron os sons á recuperación de experiencias compartidas.

Colexio Fingoi, Aviación Española nº 37, 27002 Lugo  - secretaria@fingoi.com

Tel: 982 221 630 - 982 284 094

(9:00 a 16:00 h)