Fingoi Augusti XI

 

Desde o ano 2008 preparamos proxecto de fin de curso, no que todos os niveis, dende Educación Infantil ata Bacharelato, interveñen nunha representación colectiva ambientada no mundo grecorromano. Tivemos un parón durante estes dous últimos anos debido á pandemia da COVID.

Nesta XIª edición poñemos en valor a figura de Exeria.



No ano 381 despois de Cristo esta valorosa e culta muller aventurouse nunha longa peregrinaxe, que a levaría desde a súa Gallaecia natal ata ás afastadas terras de Oriente.


Durante a súa viaxe escribiu fermosas cartas dirixidas ás que foran as súas compañeiras de vida. Só se conservan unha parte desas cartas nas que describe, probablemente con debuxos da súa propia man, lugares de Exipto e Palestina. Nelas recoñecemos a unha muller de profunda relixiosidade, pero por riba de todo, e como ela mesmo di, unha muller de ilimitada curiosidade e profundo respecto polo diferente.

Non sabemos o camiño que seguiu Exeria cara a Oriente, por iso cada nivel representou algún aspecto destacado das escalas que imaxinamos para a súa viaxe: Viladonga, Lucus Augusti, Segovia, Roma, Grecia e Alexandría.

 


A representación fíxose no patio do noso colexio o venres 17 de xuño ás 15:30 horas. Foi todo un éxito. Cun enorme labor organizativo e a implicación de todo o alumnado. Tamén pola participación das familias que, coa súa numerosa asistencia, arrouparon o acto e gozaron dun espectáculo traballado e moi emotivo.
Contamos coa asistencia da alcaldesa, Lara Méndez e a concelleira da Área de Cohesión e Dinamización Social Ana González Abejera.
Até os deuses nos foron favorables cunha certa contención da temperatura e unha brisa suave.

 

Toda a información do proxecto pode verse na conta de instagram: @fingoiaugusti

Colexio Fingoi, Aviación Española nº 37, 27002 Lugo  - secretaria@fingoi.com

Tel: 982 221 630 - 982 284 094

(9:00 a 16:00 h)