Darío Gil Arias comparte unha xornada co alumnado do Colexio Fingoi

O fillo de Xela Arias, a poeta homenaxeada esta ano nas Letras Galegas estivo no Colexio Fingoi o pasado venres 4 de xuño de 2021.

 

Levabamos tempo traballando a Xela. Coñecendo moitas cousas da súa vida e da súa obra. E a través de Darío achegámonos a Xela desde unha perspectiva máis persoal e á visión da súa obra desde os ollos dun lector privilexiado que conta coas claves máis descoñecidas que ofrecen a medida do seu labor creativo.

Como sabedes Xela estudou aquí, no Colexio Fingoi. Estivo durante os cursos 65/66  e 67/68 e no 1969 marcha a familia Arias Castaño para Vigo onde viviu case definitivamente. Pasou polo Colexio Fingoi despois de estar na escola de Barreiros onde o seu pai Valentín Arias era o mestre seguindo unha pedagoxía anovadora e insólita nos anos 60 que se iniciou no proxecto de Barreiros e continúa até hoxe no Colexio Fingoi.

 

Grupo de Educación Infantil con Darío.

Os alumnos de Educación Infantil e 1º de Primaria recibiron con moito interese e emoción ao fillo de Xela que coñecían a través dos versos de Darío a diario e fixéronlle entrega de varios agasallos entre eles debuxos sobre el mesmo, un libro e outros traballos que realizaron inspirados nos versos de Xela e na exposición Xela, Aquella niña de Sarria que tiveron ocasión de ver no Colexio estes días pasados.

 

Charla con 1º Primaria.


Os alumnos de 6º de Educación Primaria e 4º de ESO mantiveron cadanseu encontro con Darío no que lle realizaron preguntas sobre as obras de Xela, o método de traballo, o seu labor como tradutora, as inquedanzas sociais e medioambientais da poeta e moitas outras cuestións que Darío resolveu con enorme sabedoría, sinceridade e complicidade co alumnado.

Presentación de Darío ao grupo de 6º EP.


Foi unha xornada intensa e emotiva para Darío que pisou a mesma clase da nai e moi satisfactoria para os alumnos que quedaron encantados de coñecer máis profundamente a Xela, a Darío Gil Arias que animou a que se fale en galego, e se estude co interese que se empregou este ano, a todos e todas as autoras que fan da nosa literatura algo que nos explica e nos achega a nós mesmos.

 

Charla de Darío con 4º ESO.


Xela era palabras. E deixou escritos os versos da solidariedade con causas tan importantes como a xustiza social, o coidado da natureza,  a defensa dos pobos, das mulleres....versos contra a guerra, contra o desastre medio ambiental que foi o Prestige. Poemas que a retratan a ela e poemas que escribiu para contarnos como entendía a maternidade. Os poemas de Darío a diario que  son un diálogo aberto ("unha fiestra de comunicación con ela” en palabras de Darío) co seu fillo e tamén un diálogo con todos e todas as que nos achegamos á súa obra. Xela son palabras e emocións... anceios de liberdade, de ir sempre cara a fronte e loitar porque como ela escribía en Intempériome: Vencerse é cousa de se tratar.

Colexio Fingoi, Aviación Española nº 37, 27002 Lugo  - secretaria@fingoi.com

Tel: 982 221 630 - 982 284 094

(9:00 a 16:00 h)