Viaxe de estudios de 1º BAC (maio 2022)

Co soño pegado nas pestanas comezou a viaxe do alumnado de 1º de BAC o día 4 de maio, alegres e emocionados por poder retomar as saídas formativas. O primeiro día foi de encontro co mar: Cangas do Morrazo esperaba para embarcarnos cara ás CIES: O paraíso natural que se abeira á nosa costa pontevedresa. Unha visita guiada que fixou as olladas dos visitantes nos tesouros biolóxicos da illa e deu tempo a momentos de lecer e disfrute da auga. De regreso a Cangas unha rota costeira deu ocasión de coñecer a vila e descubrir modos de vida ligados á pesca e á conserva.



O día 5 tras durmir en Vilanova da Cerveira a xornada valeu para visitar Braga, perderse nas súas rúas de pedra e sentir o pasado romano da cidade mentres o encanto da lingua portuguesa enchía de dozura a paseada pola cidade. De novo a noite en Vilanova da Cerveira trouxo tempo para comentar, repousar o vivido e gozar da beleza deste lugar pequeno e fermoso.



O terceiro e último día foi un baño co pasado: o monte e o castro de Santa Tegra foron a penúltima parada antes de visitar Ribadavia e o seu pasado xudio. Unha parada chea de historia que deixou ganas de volver para atoparse co mellor do teatro cando no verán se levante o pano do Festival de Teatro que converte a Ribadavia no mellor teatro que se poida soñar.

Colexio Fingoi, Aviación Española nº 37, 27002 Lugo  - secretaria@fingoi.com

Tel: 982 221 630 - 982 284 094

(9:00 a 16:00 h)