O alumnado de 1º de ESO realizou unha viaxe de estudos polas Rías Baixas, os días 26 e 27 de maio, coa fin de completar as programacións dos departamentos de Ciencias, Artes e Xeografía e Historia.
A viaxe deu comezo cunha parada na Matanza, a casa Museo de Rosalía de Castro en Padrón. Un achegamento aos espazos nos que a nosa poeta viviu. A vida de Rosalía foi lembrada no percorrido pola casa Museo e os seus versos recitados polo grupo.
O día continuou cara o mar e completouse cunha visita ao Museo Massó en Bueu testemuña do traballo nas conserveiras e baleeiras e na actividade pesqueira. Un lugar no que convive o patrimonio marítimo e o espírito erudito dos coleccionistas. Logo houbo tempo para un descanso na praia da Mourisca.
O día 27 estivo centrado no pasado. Un percorrido polo Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro, no que visitaron algunhas das estacións de arte rupestre máis representativas da Península Ibérica, a recreación dun poboado da Idade do Bronce e un centro expositivo no que resolveron dúbidas sobre esa etapa histórica.
Un obradoiro e un xantar de confraternidade foron o final dunha experiencia moi enriquecedora.