
Bacharelato
O BAC constitúe unha etapa de dous anos (alumnos de 16 – 18 anos) onde é fundamental a adquisición de competencias académicas chave para a preparación cara aos estudos superiores.
Bacharelato
Durante esta etapa os alumnos e alumnas adquiren bos hábitos de estudo, un manexo fluído no tratamento da información e unha capacidade de investigación que lles facilitan a integración nos centros superiores e universidades configurando así o éxito dos seus futuros obxectivos.



Estratexias metodolóxicas e situacións de aprendizaxe en Bacharelato
Clases de Apoio Pedagóxico
Incluídas no prezo, voluntarias e fóra do horario lectivo baixo a orientación e supervisión do profesorado co fin de mellorar o rendemento do alumnado de BAC no seu proceso de ensino-aprendizaxe: ”aprender a aprender”.
Títorias en BAC
Asembleas mensuais por nivel para mellorar a dinámica de grupo, organizar asuntos puntuais que afectan a esta etapa e resolución de conflitos. Estas titorías repártense entre os titores partícipes da acción titorial individualizada, continuando coa orientación para a toma de decisións desde o ámbito vocacional e profesional. Estas titorías están asistidas pola psicóloga do centro e o Departamento de Orientación.
Reunións periódicas con familias
Entrevistas individuais, reunións de nivel con todo o grupo familiar, informes psicopedagóxicos e charlas de orientación para familias.
Acceso á universidade
Temos ampla experiencia na preparación específica, teórica e académica para as probas de acceso á universidade, obtendo ao longo de moitos anos un resultado do 100% de aprobados con notas que permiten ao noso alumnado elixir carreira e, grazas á nosa metodoloxía, superar os estudos posteriores con éxito ao adquirir amplos coñecementos básicos de maneira interdisciplinar, estratexias e recursos diversos.
Especial atención á formación científica e artística



Educación científica
Todo o quefacer educativo parte da curiosidade, o interese da persoa que, a través da acción directa, a observación multisensorial, a exploración e a experimentación, vai desenvolvendo a capacidade investigadora natural, evocando, asociando e relacionando coñecementos, anticipando respostas e comprobando as hipóteses propias.
«Aprender facendo» supón un modo de ensinar. O noso profesorado non se basea nas leccións redactadas nun libro ou manual de texto, senón que organiza experiencias interesantes para que @s estudantes, activamente, observen, descubran, exploren, experimenten, busquen a información necesaria e apliquen os seus coñecementos.
Partimos do que o noso alumnado sabe e das preguntas que se formulan, animámolos a descubrir os seus prexuízos, lagoas e erros utilizando diversas fontes de información: as persoas próximas, a biblioteca da aula, os medios audiovisuais, informáticos e telemáticos, visitas, entrevistas, enquisas, saídas…
Cremos na “aprendizaxe por descubrimento”; partindo do que o alumnado sabe, @s profes preparan experiencias e situacións de vida que preceden e motivan as explicacións relativas aos saberes novos. Ao alumnado pregúntaselle, propónselle o que quere facer e aprender, ofrecendo diversas casuísticas e técnicas para que recolla datos a través da observación directa, indirecta, as entrevistas, as enquisas e demais ferramentas. Dáselles a oportunidade de validar en por si mesm@s as súas afirmacións previas tamén a través do proceso “ensaio / erro”.
Educación artística
A arte fomenta o desenvolvemento da identidade e a creatividade. Por este motivo, vemos nas distintas formas artísticas unha ferramenta didáctica fundamental. Apostamos, non só por ensinar as distintas técnicas gráfico plásticas, senón por poñer as diferentes formas artísticas e as novas tecnoloxías ao servizo dos nosos alumn@s para que as utilicen como vehículo de autocoñecemento e de autoexpresión. Crear, desde moi temperá idade, é unha ocasión para aprender e para desenvolver a capacidade de transformar o mundo, pois permite tratar a información desde un punto de vista técnico, histórico, filosófico, social, científico, matemático…ademais de asegurar a sensibilidade cara á conservación do patrimonio cultural.
Desde sempre concedemos unha grande importancia ás diferentes manifestacións artísticas, máis aló das materias obrigatorias de cada etapa educativa. Os nosos proxectos globalizadores sempre inclúen recursos audiovisuais, danza, música e teatro, é dicir, solucións artísticas que desenvolvemos nun proceso de creatividade conxunto onde exploramos ferramentas e materiais para que cada participante poida seguir expresando as súas ideas, sentimentos e emocións.
Queremos que os nosos adolescentes sexan consumidores activos e, a poder ser, creadores de cultura. Consideramos a aula como un obradoiro cultural.



Que din de nós?




Se tes algunha pregunta sobre o colexio ou queres concertar unha visita ás nosas instalacións, por favor, contacta connosco utilizando o seguinte formulario e un membro do equipo de admisións responderache.
